ROSA ANEIROS DÍAZ
"É un punto de saída moi interesante para repensármonos desde a modernidade"
Escritora e xornalista
Rosa Aneiros (Valdoviño, 1976), un dos novos valores da literatura galega, considera urxente "debatirmos un novo modelo que nos dea azos de futuro" e cre que o texto de Bases realizado polo Foro Novo Estatuto é un bo punto de partida "porque é o reflexo da heteroxeneidade das persoas que o crearon, tal e como debe ser reflexo da nosa diversidade social".
- Cre que é necesario un novo Estatuto para Galiza? Por que?
- Non creo que sexa necesario senón imprescindible. Nun momento tan delicado a nivel social en que a cidadanía perdeu moitas esperanzas e fe no seu propio porvir creo que é urxente debatirmos un novo modelo que nos dea azos de futuro. As sociedades avanzan e non existe ningún modelo que sexa sacro ou eterno e debemos tomar os remos, con todas as equivocacións cometidas, para cambiar o rumbo deste barco. Comezar polo noso Estatuto paréceme fundamental.
- Que lle parece a proposta de Bases que redactou o Foro Novo Estatuto?
- Paréceme un punto de saída moi interesante para repensármonos desde a modernidade. Non só polo texto en si, que pode haber partes coas que estou máis de acordo que con outras, senón porque é o reflexo da heteroxeneidade das persoas que o crearon, tal e como debe ser reflexo da nosa diversidade social. Como en todo estatuto ou constitución deixamos as bases postas para posteriores desenvolvementos lexislativos, e estas bases recollen dereitos e reclamos tanto xustos como imprescindibles no novo marco.
- Cre que sería bo para Galiza que se aprobase este texto?
- Si.
- Para vostede, en xeral, cales son os problemas máis graves que padece Galiza hoxe en día?
- Considero que este país ten unha infinita variedade de problemas de índole ecolóxica, económica, social e cultural pero que todos se reducen a un mesmo cerne, a autoestima. Supoño que tamén por iso a resposta ao novo Estatuto paréceme fundamental para dar pulo ao artellamento social, á conciencia de sermos unha identidade diferenzada e loitar polos nosos dereitos lexítimos. Se tivesemos un pouco máis de dignidade e menos cainismo outro galo cantaría neste poleiro onde cada quen vixía o pedreiro da súa finca e só mira para a do lado para cismar en posibles litixios. Romper esta estrutura de illamento de marcos debe ser unha prioridade para entendérmonos como colectivo e afrontar os retos do futuro.
« Voltar